Thursday 09 de May de 2024

O goberno local de Cariño acomete unha reestruturación das súas áreas tras a toma de posesión en pleno de Iria Rubido


Ademais aprobáronse senllos convenios para acollerse á gratuidade da atención educativa no PAI para os segundos fillos/ as e sucesivos e para a xestión das sancións COVID.

O goberno local do Concello de Cariño acometerá unha reestruturación das súas áreas tras a toma de posesión da concelleira socialista Iria Rubido Pardo en substitución de María José Fraguela que levou a cabo onte, venres 3 de decembro, en sesión plenaria ordinaria.
Este cambio implica a modificación da xestión do goberno local, pasando Iria Rubido a dirixir a concellería de Lecer e Festexos mentres que Belén Gómez Aneiros asumirá a de Benestar Social e a alcaldía ocuparase das áreas de Comercio e Medio Ambiente.
O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, destacou que “un dos próximos retos que terá a nova concelleira será o de tentar equilibrar a saúde e a posible celebración de eventos nun contexto sanitario tan incerto como o actual” e engadiu tamén que “pola súa banda, Belén Gómez xa está centrada en ampliar o Servizo de Axuda non Fogar ( SAF) que pretendemos aumentar en 7.000 horas anuais e, no que se refire ás miñas novas dedicacións, xa estamos inmersos na fase de resolución das axudas do PEL Reactiva para o comercio”.
Doutra banda, púxose en coñecemento da corporación a renuncia da concelleira do Partido Popular, María Elisa Rodríguez Cornide.

Gratuidade no PAI para os segundos fillos e sucesivos
No pleno tamén se aprobou por unanimidade a modificación da ordenanza do Punto de Atención á Infancia ( PAI) de Cariño para acollerse á posibilidade de obter financiamento por parte da Xunta de Galicia para a gratuidade da atención educativa en escolas infantís para segundos/ as fillos/ as e sucesivos/ as.
Esta medida aplicarase no suposto de matriculación do segundo fillo e filla e sucesivos/ as da unidade familiar, con independencia de que o primeiro fillo ou filla estea ou non matriculado no PAI.
Esta é unha medida máis que aplica o goberno local para fomentar a natalidade, que se suma ás axudas municipais implementadas neste sentido como o cheque de 350 euros por nacemento.

Tramitación das sancións COVID
Por último, aprobouse en pleno cos votos a favor do PSOE e a abstención de PP e BNG a adhesión, a través da Fegamp, a un acordo para a xestión das sancións COVID, #cuestión na que non estaba clara ata o momento a competencia. O procedemento convido consistirá en que as forzas de seguridade serán quen propoña a sanción, a Xunta de Galicia fará o trámite e a finalización da instrución correrá a cargo do Concello, que simplemente fai de intermediario emitindo as cartas aos seus veciños.